- Melchor, Gaspar e Baltasar entregaron agasallos a máis de catrocentos rapaces que acudiron á Cabalgata
- Tamén houbo unha degustación de chocolate con churros na que se serviron unhas novecentas racións
Valga, 5 de xaneiro de 2024.
Os Reis Magos encheron de ledicia aos nenos valgueses coa visita que lles fixeron esta tarde, como anticipo dunha noite máxica na que repartirán agasallos por todos os fogares.
Melchor, Gaspar e Baltasar non quixeron faltar á súa cita anual con Valga, a donde chegaron pouco antes das cinco da tarde para visitar, primeiro, ás dúas centenarias do municipio: María Tarrío Campaña (101 anos), veciña de Eiras, e Manuela Duro Fernández (100) de Casal de Eirigo.
Despois chegou o momento máis agardado, con multitude de nenos e familias agardando polas Súas Maxestades nos exteriores do Belén Artesanal. Alí, os Magos foron recibidos polo alcalde, José María Bello Maneiro, que lles deu a benvida. O rexedor desexoulles a todos os cativos que teñan unha noite e unha xornada de Reis cheas de ilusión e felicidade e pediulles que neste novo ano que acaba de comezar sigan portándose ben para que, en xaneiro de 2025, os reis volvan a Valga a agasallalos.
Mensaxe semellante foi a de Melchor, que se dirixiu a todos os presentes en representación dos tres Magos. O Rei prometeulles a os nenos que, aínda que están cansos de tan longa viaxe, entregarán todos os regalos que traen.
As Maxestades de Oriente foron recibindo un por un a todos os rapaces que os estaban agardando, aos que entregaron un agasallo. Fixeron fotos con eles, incluso con algúns maiores que seguen a vivir esta xornada con ilusión, e tomaron nota das últimas peticións dos cativos.
En total, máis de catrocentos rapaces pasaron por xunto aos Reis e recibiron o seu regalo.
Trala recepción, houbo unha degustación gratuíta de chocolate con churros para todos os asistentes, na que se despacharon arredor de novecentas racións.