Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Francisco Barreiro, veciño do Sixto, foi o gañador do certame

- Fernando Gómez e Celia Rincón, de Pontevalga, e a asociación Asdivalu foron os creadores dos outros dous nacementos galardoados

 GanadorBeléns24

Valga, 6 de xaneiro de 2024.

O XXII Concurso de Beléns entregou onte, durante a recepción aos Reis Magos, os premios aos mellores nacementos, repartindo un total de 325 euros entre os tres galardoados.

O primeiro posto recaeu, por segundo ano consecutivo, en Francisco Barreiro e as súas netas, veciños do Sixto (Xanza). O xardín da súa casa, completamente decorado con motivos de Nadal, acolle un nacemento de arredor de setenta pezas de barro e cortiza ao que incorporaron, nesta ocasión, grandes figuras dos Reis Magos e dos seus camelos.

Os segundos clasificados foron Fernando Gómez e a súa avoa Celia Rincón, de Pontevalga, que presentaron un belén con máis de 150 pezas dispostas nunha superficie duns catro metros. Todas están feitas a man por Celia: as figuras con arxila e arame, e as construcións con diferentes materiais coma cunchas, pequenas pedras, area pintada e tellas tamén feitas e cocidas por ela.

A terceira posición foi para a asociación Asdivalu, que concorreu ao concurso cun belén con figuras de barro –as principais foron feitas no obradoiro de barro do CODI– dispostas sobre a silueta dunha árbore de Nadal de madeira.

Os gañadores recibiron 150, 100 e 75 euros respectivamente para gastar no comercio local, un roscón de Reis e un diploma.

A orixinalidade, a presentación, os materiais empregados, o tamaño e número de pezas ou a laboriosidade da montaxe foron algúns dos aspectos que tivo en conta o xurado á hora de outorgar os premios.

Beléns24 1 Beléns24 2

Beléns24 3

 

Volver