- A partir das 17:00 horas haberá obradoiros e inchables nos exteriores do Belén Artesanal
- Todos os nenos poderán saudar ás Súas Maxestades e recibirán un agasallo
Valga, 2 de xaneiro de 2024.
Os Reis Magos de Oriente estarán en Valga este venres, día 5, con motivo da tradicional recepción que terá lugar nos exteriores do Belén Artesanal en Movemento.
Melchor, Gaspar e Baltasar están impacientes por saudar a todos os rapaces valgueses e cumprir os seus desexos na xornada máis máxica do ano e por iso o Concello ten preparada unha tarde chea de actividades.
A partir das 17:00 horas haberá inchables e obradoiros para que os nenos poidan divertirse mentres agardan a chegada das Súas Maxestades e tamén chocolate con churros gratis para todas as persoas que se acheguen a recibilos.
A chegada da comitiva real está prevista para as 18:00 horas, aproximadamente. O alcalde, José María Bello Maneiro, será o encargado de darlles a benvida e, a continuación, entregaranse os premios do XXII Concurso de Beléns.
Despois chegará o momento máis agardado por todos os nenos, que poderán subir a saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar. Os Reis entregaranlles un pequeno agasallo como anticipo de todos os que atoparán nos seus fogares na mañá do día 6.