Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O director da Fundación de Medicina Xenómica confesouse “impresionado” durante o percorrido polo nacemento

- A tómbola organizada por Amigos do Belén repartiu uns 200 agasallos aportados por casas comerciais e veciños

Carracedo1

Valga, 29 de decembro de 2023.

O doutor Ángel Carracedo visitou onte o Belén Artesanal en Movemento para agradecer a doazón de 6.220 euros que a asociación Amigos do Belén realizou á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que el dirixe. Estes cartos foron recadados a través da Tómbola Benéfica celebrada durante a fin de semana do 9 e 10 de decembro e na que se repartiron uns 200 agasallos aportados por casas comerciais, entidades e veciños de Valga e da contorna. “Foi a terceira edición da tómbola e na que máis fondos xuntamos”, sinalou a presidenta de Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras. Nos anos anteriores o diñeiro desta iniciativa destinouse aos afectados polo volcán de La Palma e á Asociación Española contra o Cancro.

Nesta ocasión, a causa solidaria elixida foi a Fundación de Medicina Xenómica, do doutor Carracedo, catedrático de Medicina Legal pola Universidade de Santiago, investigador de referencia internacional, director do Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII, xefe do grupo do CIBERER (Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras) e Coordinador da área de Xenética e Bioloxía de Sistemas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

“É un gran detalle, que ogallá fora contaxioso para os que teñen moitos cartos”, dixo o doutor sobre a doazón de Amigos do Belén. Estes cartos, explicou, permitiranlle prorrogar o contrato a algúns dos seus investigadores e continuar cos proxectos que ten en marcha. O cancro, as enfermidades raras e a farmacoxenética son algúns dos ámbitos nos que máis centrada está a actividade da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Esta foi a primeira visita que Carracedo fixo ao Belén Artesanal en Movemento, e confesou estar “impresionado” pola montaxe, o traballo que conleva e, especialmente, pola parte mecánica, da que dixo que “é para alucinar”.

Carracedo2 Carracedo3

Carracedo4

Volver