- As actuacións suman un orzamento total de 509.969 euro
- A ampliación das redes de alcantarillado e o abastecemento de augas son unha prioridade para o goberno local
Valga, 21 de abril de 2018.
O Concello de Valga remitiu á Deputación Provincial o proxecto con sete obras de saneamento para financiar a través do Plan Concellos 2018. As actuacións, coas que se quere seguir ampliando este servizo básico en beneficio da veciñanza e do medio ambiente, suman un orzamento total de 509.969’17 euros e son as seguintes:
- Saneamento de Raxoi coa súa correspondente estación depuradora de augas residuais (EDAR)
- Instalación dunha depuradora nas Cernadas
- Saneamento en Balleas – Socastro
- Instalación dun pozo de bombeo no Carballiño que tamén recollerá as augas residuais das zonas de Baño, O Sixto e Cotriños.
- Saneamento de Chenlo e instalación dun bombeo dende A Insúa á estrada de San Miguel
- Saneamento de Bronllo – Cernadas
- Terceira fase do saneamento en Vilar
Estas obras conlevarán vantaxes para o medio ambiente e, sobre todo, terán unha repercusión directa na calidade de vida dos veciños que aínda non posúen conexión ou acceso ás redes xerais de saneamento, tendo que servirse na actualidade de pozos negros ou vertendo en superficie as augas residuais, o que podería provocar problemas de salubridade.
Por iso, a mellora e ampliación dos servizos de alcantarillado e abastecemento de augas está a ser prioritaria para o Concello. Deste xeito, durante esta lexislatura e parte da pasada o Concello de Valga destinou a obras de saneamento e abastecemento máis do 90% dos fondos que lle correspondían dos plans da Deputación Provincial.
Nos últimos meses executáronse obras de saneamento en Parafita, Seixa e Vilar e estase a acometer actualmente o alcantarillado de Martores, Vilares e Laceiras. Aproveitando estas obras estanse a instalar tamén as tubaxes para levar o abastecemento de augas a Martores, Vilares e Laceiras, ao igual que se fixo en Parafita. Tamén están a piques de comezar as obras de eliminación dun pozo de bombeo en Barcia para evitar as afeccións que causa en dúas vivendas. Colocarase unha nova tubaxe ata o lugar de Forno, onde enlazará coa rede xeral.
Parte destas actuacións de saneamento e abastecemento estaban incluídas en sendos proxectos redactados no ano 2012 e en xaneiro de 2016 pola Dirección Xeral de Augas de Galicia da Consellería do Medio Ambiente. Sen embargo, este organismo “non atendeu a petición deste equipo de goberno para financiar as obras, un feito que lamentamos”, indica o alcalde, José María Bello Maneiro. “A Consellería creu máis interesante financiar obras noutros concellos en detrimento de Valga”, lamenta o rexedor.