- O alcalde anunciou durante a sesión que no vindeiro ano está previsto executar en Valga investimentos por preto de oito millóns
- Tamén se aprobaron a contratación da xestión da Escola Infantil e a relación de bens a expropiar para a execución de obras contra as inundacións no río Louro
Valga, 22 de decembro de 2023.
Os orzamentos municipais para o exercicio 2024 foron aprobados inicialmente onte polo Pleno, cos votos a favor do grupo de goberno e en contra de PSOE e BNG. O presuposto recolle ingresos por valor de 8.550.569’99 euros, mentres que os gastos ascenden a 8.259.495. Prevese, polo tanto, un superávit de 291.074 euros.
As contas destinan 1’6 millóns a Benestar Comunitario (que inclúe servizos coma o abastecemento, saneamento, xestión de residuos ou alumeado); 1’1 millóns a Servizos Sociais e Promoción Social; 720.150 euros a Fomento do Emprego; 547.154 a Educación; e 486.773 a Cultura, incluíndo patrimonio, festas e instalacións coma o Museo. Tamén se recollen partidas por valor de 667.500 para Vivenda e Urbanismo (incluíndo 560.000 euros para vías públicas); 434.841 para Infraestruturas; 171.000 para Medio Ambiente; e 170.584 para Deportes. No transcurso do Pleno o alcalde, José María Bello Maneiro, indicou que durante o vindeiro ano poderían chegar a executarse en Valga investimentos por case 8 millóns de euros, tanto por parte do Concello coma de outras administracións. Ademais, incidiu en que Valga é o concello das comarcas do Ullán e o Salnés no que os veciños soportan unha menor presión fiscal; é dicir, as taxas e impostos mais baixos das dúas comarcas.
Na sesión extraordinaria foron aprobados, ademais, outros tres puntos. Por unha parte, a relación definitiva de bens afectados polas obras para reducir o risco de inundacións no río Louro, a efectos de expropiación. Solicitarase, ademais, á Xunta a declaración de urxente ocupación para poder executar canto antes o proxecto de ampliación da canle fluvial para evitar novos asolagamentos na zona. Neste asunto o grupo de goberno votou a favor, o PSOE abstívose e o BNG votou en contra.
Cos mesmos posicionamentos saíu adiante o expediente de contratación da xestión da Escola Infantil Municipal, que se licitará proximamente cun orzamento de 597.608’40 euros e por un período inicial de dous anos.
Por último, delegouse no ORAL da Deputación Provincial a inspección da taxa por tendidos, tubaxes e galerías situadas en vías públicas ou en terreos de dominio público municipal. O grupo de goberno e o PSOE votaron a favor, mentres que o BNG abstívose.