- Asistiron o alcalde e representantes de grandes industrias coma Extrugasa, Urovesa, Exlabesa ou ODL
- O apeadoiro “pode acometerse sen moitas dificultades”, afirma o secretario xeral do sector ferroviario de CCOO
Valga, 22 de decembro de 2023.
O alcalde, José María Bello Maneiro, mantivo esta mañá unha xuntanza con membros do sector ferroviario de Comisións Obreiras (CCOO) e representantes das empresas Extrugasa, Exlabesa, Urovesa e ODL para seguir dando paso de cara á construción dun apeadoiro de tren en Valga para atender servizo de viaxeiros, complementado coa instalación de vías para mellorar a competitividade dos tráficos de mercadorías.
Os representantes de CCOO presentaron as directrices do mapa de Cercanías que están a deseñar nunha dobre dimensión: provincial e transfronteiriza. Este proxecto, explicou Antón Conde, Secretario Xeral do Sector Ferroviario de Comisións, permitiría contar cunha oferta de servizos e transportes complementarios que tería enormes beneficios ao facilitar a mobilidade da poboación, o crecemento das empresas existentes e a implantación doutras novas.
“Resulta paradóxico que se demanden inxentes recursos económicos para mellorar a comunicación ferroviaria de Alta Velocidade, mentres o actual trazado da liña convencional, que atravesa Valga e pasa por diante de varias empresas, non dispón dunha parada comercial de tren nin apartadoiro de mercadorías. A conclusión é que as inversións proxectadas na liña convencional do Eixo Atlántico volven a dar as costas a Valga e á súa poboación”, sinalou Antón Conde. Neste sentido, na xuntanza lamentouse a falta de proximidade co territorio por parte das persoas responsables de tomar as decisión. Son alleos á realidade e ás necesidades locais en canto a paradas, horarios e número de trens.
O que se plantexan son infraestruturas que atendan as demandas da poboación valguesa e tamén dos empresarios: por unha parte, un apeadoiro ou estación para viaxeiros e, por outra, unha plataforma loxística para a distribución de mercadorías por tren. “Ambas poden acometerse sen moitas dificultades xa que se emprazarían nas marxes da actual liña ferroviaria”, explican os responsables de CCOO.
“Como é posible que, entre as poboacións de Vilagarcía e Santiago, ADIF non dispoña dun servizo de mercadorías que atendan á área industrial de Valga nin tampouco conte cun apeadoiro para dar servizo a preto de tres mil traballadores?”, pregúntanse dende CCOO. Estes empregados actualmente vense obrigados a desprazarse nos seus vehículos particulares, cando poderían ter no tren unha alternativa de transporte máis cómoda, barata, segura, eficaz e sostible. Neste sentido, na reunión quedou patente que Valga está nunha situación de desvantaxe con respecto a outras poboacións.
Precisamente a rede de cercanías que plantexa CCOO basease nas altas frecuencias, trens económicos, seguros e fiables que sexan útiles para os desprazamentos de proximidade que requiren os traballadores e estudantes. Tamén servizos de transporte complementario que favoreza a conexión con trens de Media Distancia e outros medios urbanos e interurbanos. “Soamente así se moverá Galicia e non co actual sistema que podería calificarse de desconectado das necesidades de transporte colectivo, eficaz e sostible”, indica Antón Conde.
O secretario xeral do sector ferrorviario de CCOO destaca os inxentes recursos que actualmente proveñen de Europa cos plans Next Generation e Conecta Europa, uns 25.800 millóns de euros ata 2027. “Esta oportunidade non pode pasar de longo nin en Galicia nin en Valga, xa que resulta clave para o progreso social e económico”.