- Tamén asistiu a concelleira de Educación, Carmen Gómez
- O representante da Consellería felicitou ao IES polo seu “dinamismo” e a gran cantidade de proxectos educativos que impulsa
Valga, 15 de decembro de 2022.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, acompañaron onte ao director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Jesús Álvarez Bértolo, nunha visita ás instalacións do IES Plurilingüe de Valga.
Álvarez Bértolo cualificou de "modélica" a aposta do centro polo uso das novas tecnoloxías en programas como o Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía (STEMBach), Polos creativos ou E-Dixgal, e o compromiso de formación demostrado nestes últimos cursos coas liñas adoptadas no marco do Plan de Formación Permanente do Profesorado. Neste sentido, o representante da Consellería de Educación amosou a súa satisfacción polo “dinamismo” que percibiu no IES, “como demostra a enorme cantidade de proxectos educativos en que está implicado".
O director xeral tamén se interesou pola proposta de aumento da oferta de ciclos formativos dado o gran peso do sector industrial da comarca do Ulla. O director do instituto, Eliseu Mera, agradeceu a visita porque "é importante para a comunidade educativa que a administración mostre interese polo grande esforzo realizado nun centro pequeno como o noso, pois supón un estímulo para continuarmos nesta liña".
Na visita tamén participaron a vicedirectora e a xefa de estudos do IES, Ana Bueno e Vanessa Fernández.