- Na actividade, que imparte Ángeles Garrido, participan dende finais de outubro unha vintena de persoas
- Trata de favorecer o envellecemento activo e mellorar as relacións sociais dos inscritos
Valga, 12 de decembro de 2023.
O Campus Sénior, un programa promovido pola Concellería de Benestar Social para favorecer o envellecemento activo, atópase en pleno curso e ten na expresión artística unha das súas actividades principais, na que participan dende finais do mes de outubro preto dunha vintena de persoas afeccionadas á pintura e ás manualidades.
Reúnense os luns no CODI e no Auditorio Municipal para asistir ás clases impartidas por Ángeles Garrido, nas que “realizan traballos que lles gustan e lles motivan. Esta actividade é unha vía de escape para eles. Aquí relaciónanse e fan vida social, a algúns sérvelles como terapia despois de sufrir algunha doenza e séntense realizados xa que ao rematar o curso realizamos unha exposición” que lles permite amosar as súas creacións e que permite que os integrantes dos dous grupos interactúen entre eles.
A actividade, que é gratuíta, diríxese principalmente a maiores de 55 anos e, con ela, “queremos promover unha vellez activa”, estimulando a creatividade dos participantes e traballando aspectos coma a psicomotricidade, destaca Ángeles Garrido.