- “A tres mans. Presente, pasado e futuro” é o título da mostra, que permanecerá todo o mes de decembro
- Ángeles Garrido e o falecido Pepe Potel aportan pinturas e Ana González, pezas de artesanía
Valga, 11 de decembro de 2023.
Un ano máis, no mes de decembro, as obras de Ana María González, Ángeles Garrido e Pepe Potel dan contido no Auditorio Municipal á exposición colectiva “A tres mans. Pasado, presente e fututo”, na que poden verse tanto pinturas coma pezas de artesanía.
Ángeles Garrido aporta á mostra unha serie de cadros nos que aparecen reflectidos dous dos seus temas fetiche (a muller e os cabalos). “O cabalo é un animal co que me identifico moito pola súa forza, por iso aparece sempre en movemento, e a muller sempre está presente na miña obra. Encántame a palabra empoderamento e iso é o que pretendo transmitir cos meus cadros”, de tendencia costumista, explica.
A pintura era tamén a disciplina predilecta do falecido Pepe Potel. A súa familia recopilou para esta edición da exposición unha serie de cadros nos que as protagonistas son as barcas. "O mar e a pesca eran outra das súas paixóns. Seu pai, ademais, era mariñeiro e tiña unha barca azul chamada Maribel que aparece en varias obras coma unha referencia á familia”, conta Elsa, filla de Potel. As obras que se expoñen están feitas con diferentes técnicas: óleo sobre lenzo, sobre fibra, con pigmentos e xogando coas texturas, porque “gustáballe moito experimentar e probar cousas novas”.
Por último, a restauradora Ana María González expón unha serie de pezas de artesanía no que o protagonista total é o gato. “Debido á miña profesión no ámbito da divulgación arqueolóxica, as reproducións que adoito facer son sempre rigorosas en canto a tamaño, textura ou cor, pero neste caso traballei con liberdade para representar diferentes razas de gatos, darlles un carácter humanizado ou asimilalos a outros felinos coma o tigre”.
As pezas son primeiro modeladas en arxila para facer un molde e facer, por último, a reprodución en escaiola. Con pintura acrílica a artista dalle o acabado final.
A mostra pode verse no hall de entrada do Auditorio ata finais de decembro.