- Darase continuidade ás sendas para a circulación de peóns e ciclistas
- Bello Maneiro sinalou que a recuperación da lagoa é “un proxecto de presente e de futuro para Valga”
Valga, 4 de decembro de 2023.
O presidente da Deputación Provincial, Luis López, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional a Valga dende que accedeu ao cargo para asinar, xunto co alcalde, José María Bello Maneiro, un convenio de colaboración para o investimento de 615.000 euros no proxecto de recuperación ambiental da mina Porto Piñeiro. Os fondos, dos que a entidade provincial financiará o 85%, permitirán dar continuidade ás sendas peonís e ciclables xa iniciadas en fases anteriores.
Bello Maneiro incidiu en que a recuperación de Porto Piñeiro é “un proxecto de presente e de futuro para Valga”, que ascende en total a máis de 14 millóns de euros, e que inclúe máis dun quilómetro de sendas bordeando a lagoa, zonas de praia fluvial e parque acuático, cabanas, área de espectáculos con escenario e bancadas, espazos deportivos… Ademais, está vencellado con outro ambicioso proxecto: a recuperación da antiga liña de vagonetas aéreas ata o río Ulla. “Con proxectos coma este, ademais doutros recursos coma o Belén Artesanal, o Museo, persoeiros coma a Bella Otero e o noso patrimonio natural e histórico, queremos atraer turismo, agora que xa temos cubertos en todo o territorio do concello servizos básicos coma o saneamento o abastecemento ou o alumeado”, sinalou o alcalde.
O presidente provincial destacou “a potencialidade que ten o concello de Valga froito do ambicioso traballo que o alcalde e o seu equipo de goberno levan facendo durante máis de tres décadas”. As obras que se desenvolverán a través deste convenio, que se enmarca no plan Pon2030, “cumpren á perfección o enfoque que buscamos na Deputación, potenciando o medio natural e o deporte coa construción de espazos saudables”, engadiu.
Luis López asinou no Libro de Ouro do Concello e mantivo unha xuntanza co alcalde e cos concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo para tratar outros asuntos e actuacións competencia da Deputación provincial. Os representantes municipais agasallaron ao presidente cunha botella conmemorativa da última edición da Mostra da Caña do País.