- O alcalde asistiu aos actos, que incluíron a lectura dun manifesto reivindicando os seus dereitos
- A vindeira semana continúan as actividades conmemorativas, con excursións e unha xornada de cine
Valga, 1 de decembro de 2023.
O CODI vestiuse de festa durante a mañá de hoxe para conmemorar o Día Internacional das persoas con discapacidade. Unha xornada de portas abertas na que participaron as familias dos usuarios foi o acto central e contou coa asistencia do alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo, que compartiron momentos cos usuarios, cos seus achegados e do persoal do centro.
Os usuarios recibiron diplomas e deron lectura a un manifesto no que se reivindicaron como “persoas con capacidades, que traballamos e aportamos á sociedade, que loitamos polos nosos dereitos e desexamos ter moitas oportunidades. Queremos ser cidadáns de pleno dereito nunha sociedade inclusiva que respecte a diversidade”. O alcalde comprometeuse a “seguir atendendo as vosas demandas e apoiándovos como ata agora para que teñades a mellor calidade de vida”.
Famosos da televisión e da música, coma Paco Lodeiro, Touriñán, Heredeiros da Crus, Pili Pampín e Ortiga enviáronlles saúdos e felicitacións aos usuarios, que puxeron o colofón á festa con música e baile.
As actividades conmemorativas do Día da Discapacidade deron comezo o pasado martes cunha xornada de convivencia na que participaron tamén usuarios e persoal da asociación Andaina Pro Saúde Mental, que se achegaron a Baño para coñecer o centro, participaron nunha merenda e nun obradoiro de elaboración de xabóns.
O vindeiro luns, os usuarios do CODI realizarán unha excursión á Coruña para visitar o Acuario e a Casa das Ciencias. O martes achegaranse a Padrón para coñecer as instalacións do Club Ciclista Padronés e o xoves terán unha xornada de cine.