Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- José María Bello Maneiro representou aos concellos polos que discorre esta ruta xacobea na conmemoración do 25 aniversario do seu rexurdimento

- O rexedor valgués reclama “a unión de todas as administracións” para mellorar os servizos e garantir a seguridade dos peregrinos de cara ao Xacobeo 2021

xacobeo1

Valga, 20 de abril de 2018.

O alcalde, José María Bello Maneiro, asistiu onte á conmemoración do 25 aniversario da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, que tivo lugar no Teatro Principal de Pontevedra. O acto celebraba tamén os 25 anos do rexurdimento do Camiño Portugués, antano relegado, e que experimentou un notable pulo dende o Xacobeo 93 grazas ao traballo conxunto de administración públicas e colectivos como a Asociación de Amigos do Camiño Portugués.

O rexedor interveu no acto en representación dos concellos galegos polos que discorre esta ruta xacobea, ao ser o único que viviu como alcalde este cuarto de século de recuperación e esplendor. José María Bello Maneiro lembrou que hai 25 anos “apenas pasaban peregrinos por Valga” e, os que o facían, transitaban pola estrada N-550. O Camiño Portugués practicamente non existía daquela. “Algúns chamábannos tolos cando íamos polas fincas e as corredoiras marcando pedras para sinalizar o trazado, buscando as alternativas máis aproximadas ao Camiño orixinal”.

O Concello de Valga promoveu no ano 2004, con motivo do Ano Santo, o obradoiro de emprego Camiño de Santiago, para contribuír precisamente ao esplendor da ruta ao seu paso por Valga. Dentro deste proxecto, que incluíu traballos de limpeza, acondicionamento e sinalización da senda, recuperáronse tamén os elementos do patrimonio histórico, etnográfico e artístico situados no entorno do Camiño. Estes recursos naturais e etnográficos arroupan e dan lustre á vía de peregrinación e conforman unha fermosa paisaxe que reconforta aos camiñantes.

Ao mantemento do Camiño, destacou o alcalde, contribúe tamén de xeito importante a agrupación de voluntarios de Protección Civil coas súas campañas de vixiancia e limpeza. Grazas ao esforzo de todos “Valga pode presumir de ter un dos tramos mellor coidado do Camiño Portugués”, dixo. Os voluntarios patrullan, vixían e atenden aos peregrinos, aos que proporcionan información, prestan atención sanitaria, sellan a Compostela e incluso trasladan a albergues.

En 2017 foron case 60.000 os peregrinos que transitaron polo Camiño Portugués, 44.000 máis que no Ano Santo 2004, o primeiro do que existen datos oficiais, e 25.000 máis que no último Ano Santo celebrado en 2010. As cifras, incidiu o alcalde, demostran que o esforzo realizado pagou a pena. O Camiño Portugués é hoxe un elemento dinamizador para as vilas polas que discorre, é un recurso cultural, económico e turístico de primeira orde que sitúa a no mapa a concellos como Valga a nivel internacional.

Valga soubo engancharse a este crecemento promovendo a construción dun albergue de peregrinos que abriu as súas portas en abril do ano 2012. Dende entón e ata hoxe as pernoctas de camiñantes teñen aumentado un 262%. O pasado ano 2017 foron 4.578 os peregrinos que elixiron o albergue de Valga para repousar.

José María Bello Maneiro referiuse tamén ao vindeiro Ano Santo 2021. “Todas as administración debemos estar unidas e traballar para que o Camiño estea nas mellores condicións e para garantir a seguridade dos peregrinos durante o percorrido da ruta portuguesa a Santiago”. Esto, rematou, redundará en beneficio de Valga, do resto de concellos e, en definitiva, de Galicia.

Antes deste acto, ao que asistiu tamén a concelleira Carmen Gómez, o alcalde participou nunha mesa redonda sobre o Camiño Portugués xunto ao exconselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, promotor do Xacobeo 93; Tino Lores, presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués; unha concelleira de Pontevedra e unha deputada e concelleira da Guarda.

xacobeo2 xacobeo3 xacobeo4 xacobeo5

Volver