- A formación teórica, que agora combinan con prácticas, arrancou a comezos de outubro
- “Esta é unha especialidade que ten saída, xa que as empresas demandan traballadores”, sinala o docente
Valga, 24 de novembro de 2023.
O Obradoiro de Emprego Xóvenes II, que se puxo en marcha a comezos de outubro e no que participan dezaseis mozos desempregados, ten coma un dos seus módulos o de traballos forestais, no que os oito aprendices xa comezaron a realización de obras en espazos públicos para levar á práctica os coñecementos adquiridos previamente nas clases teóricas.
José Manuel Picallo, o docente desta especialidade, explica como están a ser as primeiras semanas do Obradoiro. “O primeiro tema que vimos foron operacións de desbroce con diferentes tipos de discos e cabezal de fío, segundo a vexetación do espazo no que se actúe, e agora estamos cos tratamentos silvícolas e as diferentes modalidades de podas, que poden ser de formación para cumprir determinados obxectivos (produción de madeira, dar sombra ou fins ornamentais) ou podas baixas para que as ramas non impidan o paso de persoas en áreas recreativas”.
Nas seguintes sesións tratarán a sinalización de árbores danadas para cortalas e evitar, así, pragas e enfermidades, asunto que tamén está dentro do temario.
Parte destes contidos estanos a poñer xa en práctica os aprendices en distintas zonas verdes do concello coma o Parque Irmáns Dios Mosquera, no que se atopan dende onte realizando traballos de sega e podas. Ata alí achegáronse os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo e a directora do Obradoiro Mª Carmen Vidal. Con anterioridade, xa se levaron a cabo actuacións similares na Mina Mercedes e no miradoiro de Beiro.
O docente destaca que os participantes no Obradoiro “están implicados e gústanlles a formación e as prácticas. Demostran interese e, aínda que algúns non tiñan experiencia ningunha neste sector, están a adquirila” e aprendendo a utilizar as diferentes ferramentas. Picallo sinala, ademais, que “esta é unha especialidade que ten saída e na que as empresas demandan traballadores".
O Obradoiro "Xóvenes II" é cofinanciado pola Unión Europea mediante o programa FSE+Galicia 2021-2027.