Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As actividades conmemorativas do 25-N multiplícanse nestes días con iniciativas dirixidas a todos os públicos

- Concienciar sobre a necesidade de denunciar o maltrato e apoiar ás vítimas é o obxectivo da programación

Chanzos1

Valga, 23 de novembro de 2023.

O sábado conmemórase o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller e nestas xornadas previas son moitas as actividades que se están a desenvolver co obxectivo de concienciar á poboación sobre a lacra do maltrato e da necesidade de dar apoio e respaldo ás vítimas.

A programación deseñada polo Concello conta con iniciativas dirixidas a todos os grupos de idade, comezando polos máis cativos, que o martes asistiron no Auditorio a unha sesión de contos na que coñeceron a historia da parella de tartarugas Arturo e Clementina, que trata sobre a necesidade de compartir e eliminar discriminacións para construír un mundo máis igualitario.

Dirixidas a mulleres adultas estanse a desenvolver no Auditorio as sesións grupais “Redes en feminino”, sobre autocoidado físico, relaxación e formación en respiración consciente e onte celebrouse, tamén, un obradoiro sobre coidado emocional impartido pola psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), Belén Gavín. Foi unha actividade práctica na as participantes puideron repensar e descubrir o sentir propio para unha mellor aceptación, tratando temas coma o autocoñecemento e a importancia da sororidade.

A principios de semana deu comezo, tamén no Auditorio, dun curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas, impartido por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. O curso continúa mañá venres cunha nova sesión sobre como detectar situacións de risco e repeler posibles agresións.

Nestes días desenvólvese tamén a iniciativa “Chanzos contra a violencia machista”, con mensaxes de esperanza para as vítimas e outras proclamas referentes á violencia de xénero, e no CODI os usuarios participaron na creación dun mural de sensibilización sobre esta problemática social. No interior do centro pintaron un corredor violeta e, ao fondo, unhas ás de cores, representando o camiño cara a igualdade e a liberdade.

A programación continúa mañá venres coa andaina “Pasos pola igualdade”, entre o CODI e o Concello, onde se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero. E o sábado, a Banda Municipal ofrece o concerto “Música contra a violencia”, a partir das 19:00 horas no Auditorio, con entrada de balde.

 Chanzos2 Mural25n1

Autocoidados1 

 

 

Volver