- A zona contará con novo pavimento e mobiliario, renovaranse as canalizacións e servizos e terá prioridade peonil
- O proxecto é financiado integramente pola Xunta de Galicia
Valga, 22 de novembro de 2023.
As obras de humanización da Praza do Souto acaban de ser licitadas cun orzamento de 225.585’62 euros e as empresas teñen de prazo ata o vindeiro 13 de decembro para presentar as súas ofertas e optar, así, á execución do proxecto, que trata de revalorizar esta área, situada na fachada lateral do Edificio de usos administrativos.
A zona pasará a ter prioridade peonil coa eliminación, ao máximo, do tráfico de vehículos, limitándoo só a residentes. Deste xeito, quérese converter este espazo en seguro e funcional, favorecendo o seu uso por parte dos veciños e reforzando a súa conexión coa praza anexa Manuel Vicente Cousiño.
As obras que se levarán a cabo inclúen a dotación de novo pavimento en toda a praza e renovación das beirarrúas, con peddra de granito e adoquín. Renovaranse as instalacións de saneamento e abastecemento e soterraranse as líñas aéreas de servizos. Tamén está previsto instalar nova iluminación e mobiliaro.
Con anterioridade executaranse outra serie de traballos preparatorios que xa foron adxudicados á empresa Covsa por valor de 14.745’94 euros. Trátase da demolición do pavimento existente, a retirada do actual mobiliario e sinalización, adaptación de arquetas á nova cota e retirada das vellas canalizacións.
En total investiranse 240.330 euros, que serán aportados ao 100% pola Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración que foi aprobado o pasado 20 de outubro no Consello da Xunta.