- A estrutura metálica foi instalada esta mañá, obrigando a cortar o tráfico na estrada PO-548
- Entrará en servizo nos vindeiros días, cando se instale a varanda de seguridade
Valga, 17 de novembro de 2023.
Unha pasarela de 22 metros de longo e 2’80 de ancho une dende esta mañá as dúas marxes da estrada PO-548, en Cordeiro, comunicando a contorna da igrexa parroquial coa zona de equipamentos na que se atopan o colexio Xesús Ferro Couselo, o tanatorio municipal e o pavillón de Beiro.
A estrutura metálica apóiase en estribos de formigón armado e muros de cachote a ambos lados da estrada autonómica, que durante a xornada de hoxe está cortada ao tráfico debido a estes traballos. A primeira hora da mañá unha grúa de grandes dimensións chegou á zona e posicionouse sobre a calzada e, posterioremente, chegou a pasarela, trasladada por estrada dende Ordes, onde foi pintada.
A pasarela foi izada pola grúa para colocala na súa posición final e está previsto que nos próximos días se abra ao tránsito peonil. Previamente quedan por executar traballos de pavimentado nos dous extremos e tamén a colocación da varanda de seguridade.
Coa colocación da pasarela quedará concluída a obra de construción da senda peonil que conecta a estrada PO-548 coa a zona do colexio, pavillón, tanatorio e igrexa de Cordeiro, nas que a Xunta de Galicia investiu 737.000 euros. O trazado da senda está xa rematado e en uso dende hai meses, pero problemas xeotécnicos obrigaron a introducir modificacións no proxecto orixinal, o que retrasou ata agora a instalación da pasarela.
Esta senda dá continuidade á beirarrúa que xa existía na PO-548 e que remataba no punto quilométrico 2’9 –a partir de aí a estrada carecía de espazos reservados para circulación a pé–. A nova vía peonil arranca, polo tanto, nese quilómetro 2’9 e avanza pola marxe esquerda da PO-548 ata o punto quilométrico 3’2. Despois continúa en paralelo a unha estrada municipal ata desembocar de novo na PO-548 á altura da intersección existente no quilómetro 3’9. Dende aquí, a nova infraestrutura avanza de novo por un tramo de titularidade municipal chegando á zona onde se localizan as instalacións escolares e deportivas. A lonxitude total é de 1’3 quilómetros.