- A historiadora Encarna Otero protagonizou onte no Museo un faladoiro sobre a artista valguesa
- Os concelleiros Pedro Calvo e Carmen Gómez asistiron á conferencia
Valga, 17 de novembro de 2023.
O Museo da Historia foi onte escenario do faladoiro “A Bella Otero, unha icona da Belle Époque”, unha actividade froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello no marco do programa “Aquí faltan páxinas”, dedicado a mulleres pioneiras da provincia que, a pesar dos seus logros e de abrir camiño a outras moitas, foron durante tempo silenciadas e subestimadas.
A conferencia, que abriu a programación con motivo do 25-N, correu a cargo da historiadora, mestra e política Encarna Otero Cepeda, foi retransmitida vía streaming e contou con intérpretes en lingua de signos. Asistiron, en representación do Concello, a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, que fixo unha chamada aos valgueses a asistir a este tipo de actividades que poñen en valor a persoeiros locais. Por parte da Deputación, acudiu a deputada de Igualdade, Sandra Bastos.
A relatora reivindicou a figura da Bella Otero, á que descubriu a través do xornalista cesureño Borobó, coma unha “emigrante triunfante”, que ao longo da súa vida se comportou como tal: “mercou unha tumba, deixou o seu enterro preparado e pagado e deixou os bens que lle quedaban ás xentes máis pobres de Valga. Galega 100%”, dixo. Encarna Otero diferenciou entre a persoa (Agustina), a nena que tivo que fuxir de Valga despois de ser violada, e o personaxe (Carolina), “unha muller impresionante, cunha intelixencia supina e que se converteu nunha das mulleres máis ricas, poderosas e influentes do mundo. Pero que, lonxe de recoñecerlle os seus méritos, foi tratada coma unha cortesá”.
Encarna Otero fuxiu desta visión, sinalando que as artistas de varietés, coma a Bella Otero, “eran iconas de beleza, pero tamén acompañantes, Polo que tiñan que ter cultura”. Carolina Otero, en concreto, “tiña unha gran capacidade para os idiomas” e, ademais de cantar e bailar, “foi pioneira en disciplinas coma a ópera bufa, o mimo e o cine”. Sobre esta última, explicou que os irmáns Lumière, inventores do cinematógrafo, enviaron a un discípulo a San Petersburgo para gravar unha curtametraxe durante unha actuación da Bella Otero. Parte desta cinta, que foi censurada na época, pode verse no Museo da Historia.