- Estas actuacións de mellora contan cunha subvención da Xunta de Galicia
- O horario de apertura das instalacións é os luns de 8:00 a 15:00 e os xoves de 14:00 a 21:00
Valga, 13 de novembro de 2023.
Meses despois da súa reapertura, o Punto Limpo está a ser obxecto de novas obras de acondicionamento que tratan de consolidar e dotar de maior funcionalidade a este servizo, que é gratuíto para os veciños de Valga e co que se reforza a recollida selectiva do lixo.
O proxecto, cun orzamento de 167.657’95 euros, conta cunha axuda económica da Xunta de Galicia e inclúe actuacións de mellora que afectan ao peche perimetral e á pavimentación do recinto.
O Punto Limpo entrou de novo en funcionamento en abril deste ano baixo xestión directa do Concello. No marco destas obras que están en execución, instalarase un novo peche perimetral para delimitar esta infraestrutura da Plan de Residuos da Construción e para tratar de evitar roubos e danos materiais que acontecen con frecuencia. Ademais, pavimentarase a parcela para mellorar os accesos aos diferentes colectores de depósito de residuos por parte dos usuarios e do persoal encargado da xestión.
Outra das melloras afectará á caseta destinada a residuos perigosos, que será ampliada.
Estas obras foron incluídas nunha orde da Xunta de Galicia dirixida a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Aberto os luns pola mañá e os xoves pola tarde
O Punto Limpo permite aos veciños de Valga depositar, de xeito gratuíto, residuos que non deben botarse nos colectores de recollida selectiva. As instalacións abren os luns de 8:00 a 15:00 e os xoves de 14:00 a 21 horas, excepto festivos.
No recinto poden depositarse os seguintes residuos:
• Colchóns, mobles e outros voluminosos
• Restos metálicos
• Madeira
• Electrodomésticos e aparellos electrónicos
• Plástico agrícola
• Plástico duro (canalóns, PVC, persianas, tubaxes...)
• Poliespán
• Pintura
• Vidro de ventás, vasos, copas ou espellos.
• Entullos e escombro (pedra, formigón, ladrillo, azulexo, tella ou cerámica)
• Aerosois (baleiros)
• Envases plásticos ou metálicos (baleiros)
• Restos de poda
• Aceite de vehículos
• Aceite de cociña
• Roupa, restos téxtiles e calzado
• Pilas
• Tóner de impresoras
No referido á recollida de escombros, é tamén gratuíta para as persoas empadroadas en Valga, presentando a correspondente licenza de obra e ata un máximo de 50 quilos ao día e 500 quilos ao ano.
As persoas que non estean empadroadas no concello só poden depositar escombro na planta de residuos da construción, debendo aboar a taxa correspondente segundo o recollido na ordenanza municipal en vigor.