- O acto, aberto á asistencia de público, dará comezo ás 19:00 horas
- A relatora será a historiadora, mestra e política Encarna Otero, que lembrará os principais fitos vitais e profesionais da bailarina
Valga, 10 de novembro de 2023.
A Bella Otero será protagonista dun faladoiro que se celebrará o vindeiro xoves, 16 de novembro, a partir das 19:00 horas no Museo da Historia, organizado polo Concello e a Deputación de Pontevedra no marco da iniciativa “Aquí faltan páxinas”, que aborda historias vitais e profesionais protagonizadas por mulleres da provincia que non sempre saen nos libros.
O acto, aberto ao público, contará coa participación da historiadora, mestra e política Encarna Otero Cepeda, que será a encargada de relatar algúns dos aspectos máis salientables da vida de Carolina Otero, os seus logros e éxitos no París da Belle Époque, que a converteron en pioneira e a perpetuaron coma unha muller transgresora adiantada ao seu tempo.
“A Bella Otero. Unha icona da Belle Époque” é o título do faladoiro sobre a bailarina, cantante, actriz e cortesá. Unha brutal violación obrigouna a marchar de Valga con tan só 12 anos. Fuxindo do seu pasado, construíu unha historia que a catapultou á fama, á fortuna e ao corazón de ricos e poderosos.