Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Esta mañá estivo nos exteriores da Casa do Concello e a partir das 16 horas trasládase ao Auditorio

- A estancia en Valga continúa durante a xornada de mañá para chegar un maior número de veciños

recíclase2

Valga, 18 de abril de 2018.

O punto informativo da campaña “O que se enchufa, reclícase”, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, está dende esta mañá en Valga para promover entre os veciños a reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos e así contribuír a combater os efectos negativos do vertido incontrolado destes residuos. Durante a mañá, de 11 a 14 horas, o punto informativo estivo emprazado nos exteriores da Casa do Concello e pola tarde, de 16 a 19 horas, trasládase ao Auditorio Municipal.

Esta campaña, que está a percorrer toda Galicia, quere concienciar á poboación sobre a necesidade de reciclar estes materiais de refugallo para lograr incrementar as cotas de reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. Un dos principais obxectivos desta iniciativa de sensibilización é combater os efectos negativos do vertido incontrolado dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, especialmente os máis pequenos, eliminar as prácticas ilegais asociadas á súa xestión e informar á cidadanía sobre a importancia do correcto tratamento do refugallo mediante unha tripla acción: reparar, reutilizar e reciclar.

Así, o persoal do stand informa á veciñanza sobre os puntos de reciclaxe máis próximos aos que poden levar os seus aparellos eléctricos e electrónicos inservibles para destinalos á reciclaxe. Esta categoría abarca todo tipo de aparellos que se enchufan ou funcionan con pilas, tamén cables ou regretas, entre outros. 

En Valga atópase un destes puntos de reciclaxe, emprazado no CODI, a onde poden levarse todo tipo de aparellos eléctricos e electrónicos (excepto televisores e pantallas, que teñen que deixarse no Punto Limpo). Alí desmóntanse e clasifícanse os distintos materiais que, despois, son recollidos por un xestor autorizado.

O punto informativo de “O que se enchufa, recíclase” seguirá mañá en Valga, nos mesmos emprazamentos e cos mesmos horarios, co obxectivo de chegar ao meirande número de veciños.

recíclase

 

 

Volver