- “Foi unha temporada bonita” na que estreou coche e acadou o primeiro posto en tres probas
- O Concello felicítao por este título, que pon de novo ao deporte local no máis alto
Valga, 8 de novembro de 2023.
O deporte valgués segue no máis alto en diferentes disciplinas e con distintos protagonistas. No caso máis recente, en automobilismo e da man do piloto Esteban Cotón López, veciño de Cimadevila. Xa é un vello coñecido dos circuítos de rally e, de feito, xa conta na súa traxectoria con varios títulos, o que non lle resta valor ao que vén de acadar ao proclamarse novamente campión galego de Rallymix na Agrupación 3.
É a terceira vez consecutiva que consegue o campionato, logo dunha temporada que el define como “bonita” pero na que tamén houbo momentos complicados. “Estreei coche, un Peugeot 205” –anteriormente competía cun Citroën Saxo–, e iso xeroulle incertezas ao comezo do campionato porque “non o coñecía, é un vehículo totalmente diferente e, ao comezo, custoume un pouco”. Por iso “sorprendéronme os bos resultados” nas primeiras probas. Acadou tres vitorias seguidas en Touro, A Estrada e Piñor, pero a continuación tivo que afrontar un baixón de resultados debido a varias avarías. “En Portas tivermos que parar e non corrín na seguinte proba, en Cuntis, tiven unha avaría nos frenos e preferín non arriscar. Fun segundo”.
Ademais, neste período, Estaban sufriu tamén un golpe emocional co falecemento, a comezos do mes de setembro, da copiloto Bárbara Gómez cando participaba nun rally en León. “Coñecíaa de moitos anos, era unha grandísima muller, inesquezible, sempre che sacaba un sorriso e era moi querida no mundo dos rallies”, lémbraa o piloto de Cimadevila.
E así chegou a última proba da temporada, en Barbadás, onde Esteban Cotón tan só tiña que rematar a carreira para proclamarse de novo campión. “Sempre gusta gañar, pero decidín non arriscar porque, ademais, chovía”. Acadou o segundo posto e con el o seu terceiro campionato.
Parabéns!!