- O SAF licitarase por un período inicial de dous anos e cun orzamento estimado de 900.500 euros anuais
- Tamén se aprobou unha transferencia de crédito para destinar 97.000 euros a mantemento de infraestruturas e edificios e actividades culturais e deportivas
Valga, 7 de novembro de 2023.
O Pleno, reunido onte nunha sesión ordinaria, aprobou o expediente de contratación do Servizo e Axuda no Fogar (SAF), así coma os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas que rexerán o contrato. Este terá unha duración inicial de dous anos, prorrogable por outros dous, cun orzamento estimado de 3’6 millóns de euros (900.571 euros ao ano).
Este servizo atende a persoas maiores con déficit de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, posibilitar a súa permanencia na súa contorna de convivencia habitual e favorecer a autonomía persoal no propio domicilio.
O expediente de contratación foi aprobado cos votos a favor do goberno, en contra do PSOE e abstención do BNG.
A orde do día incluíu, así mesmo, a expropiación de 131 parcelas para executar as obras de supresión de dous pasos a nivel en Carracido e Castiñeiras (Cordeiro), en virtude do convenio asinado entre o Concello e ADIF en xullo de 2022 e que suporá un investimento de catro millóns de euros. O punto foi aprobado co voto a favor dos edís do goberno e a abstención de PSOE e BNG.
As obras consistirán na construción dun paso superior que permitirá cruzar as vías e garantirá a conexión entre ambas marxes e a accesibilidade para os propietarios de terreos e veciños en xeral. Ademais, darase continuidade aos camiños de enlace paralelos á vía ferroviaria entre los lugares de Laxes e Carracido e dende a praia fluvial de Vilarello ata Vilar. A lonxitude total será de 1’7 quilómetros. Deste xeito, a parte do concello comprendida entre A Devesa e Vilar quedará comunicada por estrada por ambas marxes da vía e incrementaranse as condicións de seguridade, tanto para o tráfico viario coma o ferroviario.
O voto favorable do grupo de goberno tamén permitiu aprobar, aínda co voto en contra do PSOE e abstención do BNG, unha transferencia de crédito entre distintas áreas de gasto do orzamento, de maneira que 97.000 euros, antes reservados a retribucións, destinaranse agora a mantemento de infraestruturas, reparación de edificios e actividades culturais e deportivas.
Por último, outro dos asuntos aprobado na xuntanza da Corporación –cos votos a favor do grupo de goberno e, a abstención de PSOE e BNG– foi a transmisión da cota de participación de Camiña Inversións S.L. a favor da Funeraria Pompas Fúnebres de Padrón S.L.