- Será impartido por especialistas da Federación Galega de Loita e pertencentes ás forzas de seguridade do Estado
- Ofreceranse consellos de autoprotección e, na parte práctica, traballaranse técnicas coas que repeler agresións
Valga, 7 de novembro de 2023.
O Concello de Valga, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, organiza un curso de defensa persoal para mulleres que se impartirá os días 20 e 24 de novembro no Auditorio Municipal, en horario de 16:30 a 20:30. A actividade é gratuíta e diríxese a mulleres empadroadas en Valga, maiores de idade, que deben inscribirse no Concello ou no Auditorio Municipal. O prazo estará aberto ata o día 17.
As dúas sesións estarán dirixidas por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. As participantes recibirán formación que lles permita evitar situacións de risco para elas ou repeler unha agresión.
Parte do curso estará centrada na explicación de medidas de autoprotección, indicando ás participantes como poden detectar e avaliar situacións de risco e ofrecéndolles unha serie de consellos que lles permitan sentirse máis seguras en determinadas circunstancias, por exemplo se atopan soas durante a noite ou en lugares pouco transitados.
Tamén haberá unha parte práctica na que traballarán unha serie de técnicas sinxelas e que non requiren de ningunha condición física específica nin dunha idade determinada, pero que son eficaces á hora de zafarse unha agresión ou frear unha ameaza.