Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A compañía incumpriu o primeiro prazo de cinco días para executar as obras e foi sancionada con 1.000 euros

- Aínda ten pendente de presentar un informe sobre a situación de todos os postes da súa propiedade no municipio cun plan de mantemento

PosteDevesaOK1

Valga, 6 de novembro de 2023.  

A entidade Telefónica S.A. procedeu nos últimos días á substitución do poste que, no lugar da Devesa (Campaña), ameazaba con derrubarse debido ao mal estado no que se atopaba. E fíxoo, despois de que o Concello lle impuxera unha multa coercitiva de 1.000 euros por incumprir o primeiro prazo outorgado para retirar a estrutura danada e cambiala por outra en bo estado e segura.

Foi o pasado 20 de outubro cando o alcalde, José María Bello Maneiro, emitiu un decreto no que outorgaba un prazo máximo de cinco días a Telefónica para que executara os traballos de substitución do poste. A parte inferior do formigón estaba demolida por completo e o resto do poste estaba tan só sostido polas varas interiores e polos cables do tendido aéreo, provocando un risco evidente de caída e potencial dano aos inmobles lindeiros, a viandantes e a vehículos.

Un informe dos técnicos municipais advertía do perigo que representaba este poste e da necesidade de adoptar, con urxencia, medidas para garantir a seguridade na zona. Foi por iso que se lle outorgou á empresa un prazo máximo de cinco días para ter rematadas as obras de substitución do poste e a estabilización dos tendidos aéreos no caso de ser necesario.

Este prazo transcorreu sen que os traballos se executasen, polo que o alcalde asinou unha nova resolución impoñendo a Telefónica unha multa de 1.000 euros e dándolle un novo prazo de cinco días para regularizar a situación do poste. Neste mesmo documento, apercibíase á compañía de que, a persistencia do incumprimento, suporía a imposición automática de novas multas.

Nos últimos días, Telefónica procedeu a executar as obras, retirando o poste vello que representaba un risco para a seguridade pública e instalando un novo. “Por fin, despois de tanto tempo, a situación na zona é segura”, sinala Bello Maneiro, que aínda así lamenta que a empresa “só decidirá actuar cando comezamos a impoñerlle sancións”.

O rexedor, lembra, que Telefónica aínda ten pendente de cumprir outra das reclamacións efectuadas polo Concello na resolución do pasado 20 de outubro: elaborar e presentar no Concello, nun prazo máximo de tres meses, un informe sobre os postes da súa propiedade que ten no termo municipal, a súa situación e un plan de mantemento dos mesmos.

Ademais, engade Maneiro, Telefónica leva tempo incumprindo o contrato de telecomunicacións asinado co Concello en febreiro de 2021, facturando cantidades por enriba do estipulado e ao non prestar todos os servizos que se recollían no citado contrato.

PosteDevesaOK2

Volver