- O regato da Devesa desbordouse e a auga chegou á capela
- O Concello solicitara en varias ocasións a Augas de Galicia a súa limpeza para evitar estas incidencias
Valga, 4 de novembro de 2023.
As intensas e constantes chuvias caídas durante as últimas xornadas, como consecuencia da concatenación de borrascas que afectaron á comunidade galega, provocaron diferentes incidencias en Valga que obrigaron á agrupación de Protección Civil a manterse alerta e a actuar en numerosos puntos do municipio. Caída de árbores, desbordamentos de ríos e regatos ou atoamento de sumidoiros foron algúns dos efectos das precipitacións.
Algúns dos desbordamentos producíronse en zonas nas que xa se está a actuar ou están proxectadas obras por parte da Xunta de Galicia, pero “tamén se rexistraron incidentes en zonas nas que o Concello advertiu en reiteradas ocasións que podía haber problemas e nas que non se realizaron actuacións”, destaca o alcalde, José María Bello Maneiro. Un exemplo é a zona da Devesa, onde se produciron anegamentos que afectaron a estradas e á capela. O rexedor explica que, “nas últimas semanas avisamos a Augas de Galicia en varias ocasións que o regato da Devesa necesitaba traballos de limpeza e mantemento, non os fixeron e agora houbo que sufrir de novo inundacións. Igualmente, no río Valga, na estrada de acceso á Devesa, advertiuse sobre a existencia de maleza e arrastres, que tampouco limparon. É certo que foi moito o que choveu e non todo se pode evitar, pero había zonas concretas, coma estas, nas que era previsible que houbera problemas”.
Outras das incidencias nas que actuou Protección Civil foi a caídas de árbores en diferentes estradas, tanto de titularidade municipal, coma provinciais e autonómicas; asistencia a domicilios con bombas de achique; corte das estradas Baño-Carballiño, Forno-Socastro e os pasos inferiores á vía do ferrocarril ao atoparse anegados polas crecidas dos ríos Valga e Louro; e a limpeza de arquetas e sumidoiros.