Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Concello conta con seis desfibriladores repartidos en instalacións deportivas, colexios e o Auditorio

- Os interesados en realizar un curso semellante poden anotarse no Auditorio ou no Concello para unha próxima sesión

desa

Valga, 18 de abril de 2018.

O Auditorio Municipal acolleu un curso homologado sobre soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática (DESA) no que participaron oito persoas. A actividade formativa, complementaria á xornada sobre primeiros auxilios que impartiu hai unhas semanas o Grupo de Emerxencias, proporcionou aos participantes os coñecementos teóricos básicos para saber como responder de xeito precoz en caso de parada cardiorrespiratoria, saber poñer en práctica eses coñecementos adquiridos, coñecer os equipos dispoñibles para optimizar a apertura das vías respiratorias e a ventilación artificial e saber usar o desfibrilador semiautomático.

Durante o curso explicáronse as directrices para realizar correctamente a reanimación cardiopulmonar, o conxunto de maniobras para revertir o estado de parada cardiorrespiratoria e substituír as funcións respiratoria e circulatoria ata que a vítima reciba asistencia médica. Esta reanimación pode ser básica, sen equipamento, ou instrumentalizada, con equipamento elemental como o desfibrilador semiautomático. Abordáronse as potencialidades dos desfibriladores, as técnicas para a súa utilización e a secuencia para realizar a reanimación cardiopulmonar con DESA.

O Concello de Valga conta con seis desfibriladores repartidos entre as instalacións deportivas e lugares nos que adoita concentrarse un importante número de persoas. Atópanse no campo de fútbol de Baño, nas instalacións deportivas de Campaña, no Auditorio Municipal e nos pavillóns de Beiro e Baño, dando servizo tamén nestes casos aso colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo. O sexto está na sede do GES.

Os veciños que estean interesados en realizar este curso homologado poden solicitar información ou anotarse no Auditorio Municipal e no Concello xa que, de reunirse persoas suficientes, poden organizarse novas sesións.

Volver