- A canle atopábase chea de sedimentos e restos vexetais arrastrados por sucesivos temporais
- Actuouse nun tramo duns douscentos metros de lonxitude
Valga, 2 de novembro de 2023.
O Concello de Valga vén de acometer a limpeza dun regato no lugar de Carracido (Cordeiro) que periodicamente causaba problemas de anegamentos que afectaban a unha estrada municipal.
Os sedimentos acumulados nos últimos anos e a vexetación e ramas arrastrados por sucesivos temporais impedían a correcta evacuación das augas, o que motivaba cortes frecuentes na estrada e inundacións nos terreos colindantes, cos conseguintes prexuízos para os veciños. A limpeza afectou a un tramo duns 200 metros de lonxitude.
A administración locar solicitou a Augas de Galicia que actuase no regato, pero os técnicos deste organismo da Xunta alegaron que o problema non se debía á falta de limpeza senón a escasa capacidade da tubaxe que pasa baixo a estrada. De aí que o Concello se vira obrigado a asumir a obra, ante a chegada da época de chuvias e co obxectivo de que non se volvan a producir asolagamentos na zona. De feito, nestas semanas de intensas precipitacións non se rexistraron incidentes coas mesmas tubaxes.