Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A asociación Amigos do Belén traballa na desmontaxe do nacemento e na creación de novas figuras

- O colectivo repetirá por terceiro ano a Tómbola benéfica, que recadará fondos para a Fundación do médico Ángel Carracedo

BelénMontaxe23 1

Valga, 25 de outubro de 2023.  

Dende Campaña xa se albisca o Nadal. A trafega de persoas e materiais no local do Belén Artesanal é sinal de que estamos ás portas dunha nova edición do nacemento con movemento máis grande de Galicia, a número vinte e nove, que a bo seguro volverá a sorprender coas incorporacións de figuras e escenas nas que xa están traballando os membros da asociación Amigos do Belén.

Como é habitual, a festividade da Virxe do Pilar marca o inicio das tarefas de remodelación do Belén, no que cada ano cambia a montaxe, os persoaxes e os ambientes que rodean ao nacemento de Xesús, recollendo os acontecementos máis salientables dos últimos meses a nivel local, nacional e internacional en ámbitos coma a política, o entretemento ou o deporte. Estas novidades son máximo secreto ata o día da inauguración, o día 3 de decembro.

“Comezamos o día 13 de outubro e, polo de agora, estamos a ordear as ideas e preparando os materiais. Nestes primeiros días desmontamos as partes nas que haberá cambios e, en paralelo, outra parte do grupo comezou xa a traballar na nova montaxe aproveitando que agora as forzas aínda están intactas”, explica a presidenta de Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras.

Arranxar as figuras con movemento, crear os mecanismos das novas esceas, construir edificacións con madeira e pedra, dar forma ás novas figuriñas e confeccionarlles a vestimenta, son algúns dos principais quefaceres dos artífices do Belén, que está declarado de Interese Turístico de Galicia e que durante o pasado Nadal recibiu arredor de 35.000 persoas. E durante o resto do ano continuaron incesantes as visitas con cita previa de grupos e excursións procedentes dos lugares máis diversos. “Foi un ano de récord, con xente ata o día previo á desmontaxe, o 12 de outubro. No verán chegaron autobuses practicamente todas as fins de semana”, confirma Mari Carmen Castiñeiras.

Tómbola benéfica e premios aos valgueses do ano

Como é habitual, o Belén poderá visitarse entre o primeiro domingo de decembro e o segundo de xaneiro. Para este período, Amigos do Belén teñen previsto, ademais, outros dous eventos. Por unha parte, a terceira edición da tómbola benéfica que terá lugar o día 9 de decembro e cuxa recadación irá a beneficio da fundación de Ángel Carracedo para investigacións médicas; e por outra, os Premios Valgueses do Ano, para os que está aberto o prazo de presentación de candidaturas e que se entregarán o 23 de decembro nunha gala no Auditorio Municipal.

BelénMontaxe23 2 BelénMontaxe23 3

BelénMontaxe23 4

Volver