- As interesada en inscribirse teñen que poñerse en contacto co departamento de Formación e Emprego do Concello
- Acadarán un título emitido pola Xunta e recibirán en propiedade un ordenador portátil
Valga, 18 de outubro de 2023.
Valga é un dos concellos participantes no programa “Galegas Dixitais”, que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con fondos europeos Next Generation e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, co obxectivo de ofrecer formación para a dixitalización de mulleres, reducir a fenda de xénero neste ámbito e mellorar a empregabilidade.
O programa formativo inclúe tres cursos de competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento cos que se ofrecerán ás participantes os coñecementos de novas tecnoloxías necesarios para o día a día, mellorando as súas capacidades dixitais e aumentando as posibilidades de atopar emprego. Ademais da formación, a cada alumna entregaráselle un ordenador portátil para o desenvolvemento dos cursos que, ao remate do programa, pasará a ser da súa propiedade para que poñan en práctica todo o aprendido.
A participación é totalmente gratuíta, co único requisito de que as participantes sexan mulleres inscritas no SEPE como demandantes de emprego ou de mellora de emprego . As clases serán presenciais na Aula CeMIT a partir do 7 de novembro e ata mediados de decembro, de luns a venres polas tardes, con sesións de catro horas diarias. Ao remate, as alumnas recibirán un título acreditativo emitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia.
As interesadas en inscribirse poden poñerse en contacto co departamento de Formación, Orientación e Emprego do Concello.