- Están aprender como se constrúe e programa un robot para que obedeza ordes
- Tamén están a coñecer algunhas das aplicacións que esta rama da tecnoloxía pode ter en ámbitos coma a agricultura ou o fogar
Valga, 13 de outubro de 2023.
A aula CeMIT continúa dando a coñecer entre os usuarios o equipamento tecnolóxico innovador co que foi dotada hai uns meses que abarca dende impresora 3D ata kits de robótica, drons, gafas de realidade virtual ou kits de placas de programación e comunicación.
Nas últimas datas, unha vintena de persoas están a participar en obradoiros de robótica e programación con placas microbit dirixidos a adultos. Nas distintas sesións das que consta o taller están a aprender como se programa unha placa mediante bloques. Ademais, realizan a montaxe dun robot con pezas tipo ‘Lego’ para despois darlle movemento e ordes.
O obradoiro é impartido pola axente TIC responsable da Aula CeMIT, Vanessa Losada, que tamén lles está a explicar aos participantes algunhas das aplicacións que a robótica pode ter en diferentes ámbitos coma o fogar, a industria ou a agricultura, entre outros moitos.