- As actividades están dirixidas a persoas maiores de 55 anos
- Este programa trata de favorecer o envellecemento activo e mellorar as relacións sociais dos participantes
Valga, 11 de outubro de 2023.
A Concellería de Benestar Social ten aberto o prazo de inscrición nunha nova edición do programa Campus Sénior, que se dirixe a maiores de 55 anos empadroados en Valga co obxectivo de promover un envellecemento activo a través de propostas lúdicas e creativas. Tamén poden participar, sen cumprir o requisito da idade, persoas que sexan derivadas polo CIM ou polo departamento de Servizos Sociais.
As actividades retomaranse nas vindeiras semanas, en concreto os obradoiros expresión artística e máis o de estimulación cognitiva. O primeiro, no que os participantes traballan disciplinas coma a pintura e as manualidades, promove a expresión dos participantes a través da arte, traballando ao mesmo tempo aspectos coma a psicomotricidade. No taller de memoria, realízanse exercicios escritos, verbais ou visuais, dinámicas de grupo e outras técnicas para favorecer o recordo.
Os días e horarios nos que se impartirán as sesións estableceranse unha vez se peche o prazo de inscrición, o día 25 de outubro, e se formen os grupos.
As persoas interesadas en participar poden dirixirse ao Auditorio Municipal ou ao Centro de Información á Muller (emprazado no CODI), ou chamar ao teléfono 659 063 714.