Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os novos prezos, que tratan de corrixir en parte o déficit dos servizos, entrarán en vigor en 2024

- O alcalde dixo sentirse orgulloso de “manter impostos mínimos cun nivel de servizos que non acada ningún concello da contorna”

Plenoxullo23

Valga, 10 de outubro de 2023.

O Pleno aprobou na sesión ordinaria de onte a actualización das taxas polos servizos de sumidoiros, abastecemento de augas e recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos. As dúas primeiras levaban sen actualizarse dende o ano 2021 e a do lixo, dende 2017. Os novos prezos, que entrarán en vigor en 2024, suporán 0’30 euros ao mes máis pola auga para as vivendas, 0’50 polo saneamento e 0’66 pola recollida de residuos, cantidades reducidas que “non chegan nin á suba do IPC”, explicaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Facenda, José Ángel Souto.

O obxectivo desta medida, aprobada cos votos favorables do grupo de goberno e en contra de PSOE e BNG, é, segundo o informe de Intervención, avanzar cara a “autonomía financeira do Concello e reducir o déficit destes servizos”, sobre os que o rexedor dixo “sentirse orgulloso porque non os teñen en outras localidades da contorna e porque mantemos a nosa liña de mínimos impostos para os veciños”.

“Non coñezo concellos da zona que teñan practicamente o 100% de abastecemento de auga e saneamento a vivendas, e iso con máis do 90% da poboación rural e diseminada, o que obrigou a instalar máis de 150 quilómetros de tubaxes”. O edil de Facenda engadiu, neste sentido, que nos últimos anos se están investindo importantes cantidades na renovación e modernización do abastecemento e dos sumidoiros, así como na reparación de avarías”, que son frecuentes debido ao extensas que son as redes de tubaxes. En canto á recollida de lixo, continúase “colocando novos colectores, substituíndo os que están en mal estado e fomentando a recollida selectiva” e a compostaxe.

Na sesión, tamén se aprobaron a delegación de competencias do Pleno á Xunta de Goberno Local para o establecemento e modificación de prezos públicos e para a autorización da alteración excepcional das porcentaxes de imputación a cada anualidade establecidas no artigo 174.3 do Real Decreto Lexislativo 2/2004. O grupo de goberno votou a favor, e o PSOE e o BNG en contra.

No turno de rogos e preguntas, o PSOE interpelou ao alcalde sobre o mantemento dalgúns parques do municipio. Bello Maneiro explicou que algúns deles se acondicionaron a través do programa “Embelecer Valga, no que o Concello aporta os materiais e os veciños a man de obra, baixo o compromiso de encargarse do mantemento. De aí que se dea un premio tamén ao mellor mantemento durante todo o ano”, lembrou o rexedor. Sobre aqueles parques nos que o mantemento non é o correcto ou hai situación de abandono, retiraranse aquelas pezas que, polo seu deterioro, resulten perigosas, anunciou.

Volver