Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O tenente alcalde, Román Castro, e os edís Begoña Piñeiro e José Ángel Souto acompañaron ao artista na inauguración

- As obras poden verse ata finais de outubro no Auditorio Municipal

AlexComba1

Valga, 6 de outubro de 2023.
Álex Comba, pseudónimo co que asina as súas obras Alexandre García Márquez, veciño de Carracido, inaugurou esta noitiña a mostra “Un paseo polo intre”. O tenente alcalde, Sito Román, e os concelleiros José Ángel Souto e Begoña Piñeiro acompañárono no acto. Castro desculpou a ausencia do alcalde, que non puido asistir, e sinalou que é unha “satisfacción” recibir no Auditorio a un novo talento local. “Acollemos por primeira vez a súa obra, desexando que os usuarios que a diario pasan por este Auditorio se acheguen a ela e a coñezan”.

Escultura e pintura comparten protagonismo nesta exposición que xira arredor “do momento no que xorde a inspiración, ese intre que está reflexado nos cadros”, unha decena nos que poden verse localizacións coma a Praza do Concello, outros espazos de Rianxo ou Boiro ou a propia vivenda de Álex Comba: “lugares que me inspiran, aos que vou e que me din algo”. Ese “intre”, ao que fai referencia o título da mostra, é algo “máxico. Sucede. Ás veces son só segundos, mentres que outras podes vivir viaxes enteiras”, dixo a sobriña do artista, Sandra Ferreiro, na súa intervención durante o acto inaugural.

No que respecta ao conxunto escultórico, feito en granito, representa “a loita interna e o enfrontamento que todos temos entre o positivo e o negativo, o branco e o negro, o recto ou o curvo”. Son pezas feitas todas man, partindo dunha idea e dun bloque de pedra.

“Motivación persoal, iniciativa e tempo” son os factores que levaron a este veciño da parroquia de Cordeiro a elixir a arte coma unha das súas actividades. O resultado pode verse no Auditorio ata finais do mes de outubro.

AlexComba2 AlexComba3

AlexComba4 AlexComba5

Volver