- Os aprendices das especialidades de albanelería e forestais percibirán o salario mínimo durante un ano
- “Aproveitade esta oportunidade como se fose a última, para adquirir experiencia e acadar un traballo”, díxolles Bello Maneiro aos participantes
Valga, 4 de outubro de 2023.
A conselleira de Promoción do Emprego, Elena Rivo, inaugurou esta mañá no Auditorio Municipal o Obradoiro de Emprego Xóvenes II, acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería, Alberto Fuentes, o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen Gómez. Tamén asistiu o rexedor de Moraña, Sito Gómez, posto que o obradoiro é promovido conxuntamente polos concellos de Valga e Moraña. Nel participan dezaseis mozos dos dous municipios, que se formarán nas especialidades de albanelería e forestais durante un ano, no que percibirán o salario mínimo interprofesional. Proxecto está cofinanciado pola Unión Europea mediante o programa FSE+Galicia 2021-2027.
Bello Maneiro animou aos alumnos a “aproveitar esta oportunidade como se fose a última, para así adquirir experiencia” que lles abra as portas do mercado laboral, ben sexa por conta allea ou a través do emprendemento e a creación de novas empresas. Ademais da formación teórica, os aprendices realizarán obras de interese público, entre elas rehabilitación e mellora de infraestruturas municipais e acondicionamento de parques e sendeiros. O alcalde agradeceu á Xunta de Galicia a aportación económica que realiza (424.836’96 euros) para que este obradoiro poida levarse a cabo.
A conselleira, pola súa parte, incidiu en que “a actitude” dos participantes é o factor determinante para que o Obradoiro de Emprego sexa un éxito. “Podemos investir moitos cartos, pero se vós non queredes, non hai nada que facer”, díxolles aos alumnos. Os certificados de profesionalidade que van a recibir unha vez rematado o proxecto “son equivalentes a unha FP e albanelería e forestais son dous sectores nos que hai demanda de traballadores”.