Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A camiñada, que discorrerá por lugares vencellados ao río, terá lugar o día 28 de outubro

- Os participantes poden anotarse no teléfono 986 55 67 69 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

PantalánSantaCristina1

Valga, 3 de outubro de 2023.

A finais deste mes de outubro, o día 28, celebrarase a ruta valguesa do programa “Goza do Ulla”, un proxecto co que os vinte concellos bañados polas augas deste río promocionan o turismo fluvial e de natureza e poñen en valor o valioso patrimonio natural e cultural existente ao longo dos 130 quilómetros de cauce.

"O Ulla, entre telleiras e outros comercios", é o nome da ruta deseñada para esta edición. Ten 16 quilómetros de lonxitude e dificultade baixa. Será un percorrido circular con saída dende a Mina Mercedes ás 10:00 horas e regreso ao mesmo lugar.

A camiñada discorrerá pola parte máis baixa do concello, polas parroquias de Campaña e Cordeiro, visitando lugares moi vencellados ao río, coma o embarcadoiro de Santa Cristina, emprazado no lugar no que se atopaba o antigo porto de carga e descarga da empresa Novo y Sierra, á súa vez relacionado coa liña de vagonetas aéreas na que se transportaban materias primas e produtos cerámicos. 

O percorrido continuará polas telleiras de Roeiro e Padín, nas que o Concello vén de realizar unha actuación para frear o seu deterioro e garantir a conservación das estruturas que ainda se manteñen en pé á beira do Ulla.

Outros dos elementos patrimoniais que visitarán os camiñantes serán a capela de San Paio de Vilar e a igrexa de Santa Comba de Cordeiro, así como a Mina Porto Piñeiro, que está a ser obxecto dunha actuación de recuperación natural.

O prazo de inscrición está aberto ata o día 23 de outubro. As persoas que queiran participar poden anotarse a través do teléfono 986 55 67 69 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. indicando nome e apelidos, DNI, teléfono e enderezo.

Volver