- A unión entre a parte escultórica e o fuste foi reforzada, posto que existía un importante risco de caída
- Retiráronse as xuntas de cemento e ferro que se aplicaran nun arranxo anterior e limpouse a superficie da pedra para eliminar musgos e liques
Valga, 3 de outubro de 2023.
O cruceiro de Cerneira, unha peza que data do século XVII, xa pode verse restaurado unha vez rematadas as obras promovidas polo Concello para garantir a súa conservación e que foron subvencionadas pola Deputación provincial.
Os traballos foron máis profundos do inicialmente previsto, xa que durante a execución do proxecto detectouse unha pronunciada inclinación do varal que comprometía a estabilidade do cruceiro. O risco de derrubamento era alto e, por iso, tras solicitar os pertinentes permisos, procedeuse a corrixir esta situación e a endereitar o fuste.
As actuacións correron a cargo dun equipo multidisciplinar integrado polo restaurador e historiador de arte Luis Enrique Rodríguez Arias, o canteiro David Soengas e Ana María Sánchez Calzada como directora de obra
O cruceiro, construído en 1670, é o máis antigo que se conserva en Valga. Na década de 1930 resultou danado a consecuencia dun temporal de vento, que tirou parte da súa estrutura. Este accidente afectou de forma importante á cruz. Do anverso orixinal só se mantén o tronco da figura de Cristo, decapitado e sen brazos. Segundo recolle Lois Ladra na obra “Arte relixiosa popular na terra de Valga. Cruceiros, cruces e petos de ánima”, tratábase dun Cristo de tres cravos, coa cabeza ladeada cara a dereita. En canto ao reverso, que aínda se conserva, reproduce unha imaxe da Piedade, coa virxe vestida con manto e túnica sostendo a Cristo sen vida.
A finais dos anos 50 levouse a cabo unha reparación da peza na que se empregaron ferro e cemento, elementos pouco axeitados que agora foron retirados.
Os expertos desmontaron a parte escultórica para eliminar, de forma manual con ciceis e punteiros, o cemento que recubría algunhas zonas. Tamén revisaron e cambiaron as unións entre pezas, que estaban feitas con cinchas e cravos de ferro que se atopaban oxidados. En substitución destes colocouse unha nova vara central de fibra de vidro para reforzar a unión entre a cruz e o varal.
Na planta, de forma octogonal e que consta de cinco chanzos, tamén se eliminaron e sanearon as xuntas de cemento, substituíndo este material por morteiro tradicional a base de cal dunha tonalidade similar á pedra orixinal. As actuacións incluíron tamén a limpeza da superficie da pedra, coa eliminación de depósitos de terra e de colonizacións biolóxicas (liques e musgo) que afectaban tanto á zona superior (conxunto escultórico) como á inferior (base e chanzos do pedestal).