Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Nestes traballos a Xunta de Galicia inviste 208.815 euros

- Tamén están contratadas, pero pendentes de iniciarse, actuacións no espazo fluvial do río Louro, entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril

ObrasPraiaValga1

Valga, 2 de outubro de 2023.

A zona da praia fluvial de Valga, na contorna do Parque Irmáns Dios Mosquera, atópase en obras unha vez deu comezo a execución do proxecto para reducir o risco de desbordamentos neste punto do río Valga. Os traballos foron contratados pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, por un importe de 208.815 euros.

Nesta zona, colindante coa estrada N-550, conflúen o río Valga e un rego innominado. As vivendas situadas nas proximidades do parque están a igual ou menor cota que as marxes do leito. Por este motivo, e dado que a estrada N-550 actúa como muro de contención ao estar elevada, no caso de desbordamento, estas propiedades resultan afectadas.

Na actualidade o río Valga está canalizado neste treito e presenta unha obra de drenaxe transversal que non é abonda para evacuar o caudal para o período de retorno dos 100 anos. Os traballos a desenvolver polo adxudicatario suporán a demolición do muro entre a estrutura da N-550 e a pasarela existente sobre o regato, e tamén da canle de acceso ao lavadoiro emprazado nesta contorna. No seu lugar construiranse un muro de perpiaño de granito con lonxitude aproximada de 56 metros e a cota 29’95 metros e unha nova canle de acceso ao lavadoiro. Ademais, executarase unha pasarela de madeira de 3 metros de largo para o acceso á praia fluvial. Tamén se acondicionará o leito da marxe esquerda mediante a limpeza, reperfilado e recubrimento de escollera de 50 centímetros e adaptarase a comporta da canle mediante o recrecido da mesma, incluíndo a substitución das guías e acoplamento de motor para conversión a eléctrica.

Esta actuación enmárcase no plan de colaboración entre a Xunta e o Concello de Valga, no que se recolleron distintas actuacións necesarias para evitar inundacións e que suporá un investimento autonómico global de 1’25 millóns de euros. As intervencións obxecto do citado convenio buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna e están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Ulla e Sar. Ademais da actuación no Parque Dios Mosquera, están tamén adxudicadas obras de mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril, por valor de 330.431 euros, e tamén está prevista outra actuación no río Valga, entre a liña do ferrocarril e A Devesa.

ObrasPraiaValga2 ObrasPraiaValga3

Volver