Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Perú, Palestina, Armenia ou Rusia son algúns dos países de procedencia dos estudantes

- O CSM porá en marcha un programa que prermitirá aos mellores estudantes actuar en diferentes teatros do mundo e con recoñecidos profesionais

CSM23 24 1

Valga, 2 de outubro de 2023.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, asistiron esta mañá ao acto inaugural do curso 2023-2024 do Centro Superior de Música (CSM Galicia). No seu quinto curso dende que se implantou esta formación musical en Valga, o centro conta con 74 alumnos, moitos deles internacionais, chegados dende países coma Perú, Estados Unidos, Australia, Palestina, Rusia ou Armenia. Neste último caso, a alumna procedente deste país compaxina os seus estudos no CSM de Valga coa Universidade de Viena.

Os representantes municipais acompañaron na inauguración a compoñentes da xunta directiva do CSM, encabezada polo presidente, Manuel Villar; a xerente, María Jesús Rey; o director, Simón Ibáñez; a vicedirectora, Paula Gago; ou a xefa de estudos, Ilona Timchenko; entre outros. O alcalde sinalou que “é un orgullo para Valga situarse ao nivel de cidades coma A Coruña ou Vigo ao contar co conservatorio superior de música, que iniciou a súa andaina con arredor de trinta alumnos e agora xa supera os 70, o que demostra o seu crecemento”.

O CSM Galicia imparte o Grao Superior de Música nas especialidades de Composición, Dirección, Interpretación, Interpretación de Jazz, Musicoloxía, Pedagoxía xeral e da linguaxe musical e Produción e Xestión. O alumnado ten á súa disposición a un cadro de persoal formado por unha trintena de persoas que traballan para formalos e tamén para facilitar a súa transición ao mundo laboral. Con este obxectivo, o centro pon en marcha este curso o “Promotion Program”, que ofrece aos estudantes a posibilidade de participar en concertos e recitais en teatros de prestixio internacional e compartir escenario con profesionais de prestixio.

O Teatro Colón de Mar de Prata (Arxentina), o CIC Florianópolis de Brasil, o Teatro Nacional de Falcon (Venezuela), as óperas de Stara Zagora, Burgas e Ruse (Bulgaria) ou a Escola Superior de Artes de Yucatán (México) son algúns dos recintos nos que poderá actuar o alumnado do CSM Galicia, ademais de ter a opción de participar nos recitais Altes Rathaus (Viena), Classical Musica La Vilavella Festival (Castellón) e Ateneo Mercantil de Valencia.

Outras das oportunidades que se abren ao estudantado do centro valgués son a participación como músico de orquestra na Johann Strauss Operette de Viena ou unha xira de concertos en China como membro da Nova Orchestra de Viena.

Por último, o CSM tamén conta con acordos con dúas discográficas nas que os alumnos seleccionados do “Promotion Program” terá a posibilidade de gravar un CD.

Ademais, o Centro Superior manterá como parte do seu plan de estudos iniciativas iniciadas en cursos anteriores como as audicións con público –que nos últimos meses se realizaron, por exemplo, con usuarios do Centro de Día e que poderían abrirse tamén a colexios– e os encontros e clases maxistrais a cargo de reputados músicos ou directores.

CSM23 24 2 CSM23 24 3

Volver