- O 2 de febreiro, a Candeloria, e o 16 e agosto, San Roque, son os días elixidos como non laborables
- Tamén se aprobaron as expropiacións para as obras no río Louro e unha moción sobre o servizo de Pediatría no Centro de Saúde
Valga, 27 de setembro de 2023.
O Pleno aprobou, na sesión ordinaria celebrada onte á noitiña, os festivos locais para o ano 2024, que serán o 2 de febreiro, festividade da Candeloria, e o 16 de agosto, San Roque. Ambas datas coinciden en venres e obtiveron o respaldo unánime da Corporación.
Na sesión tamén se aprobaron as expropiacións de terreos para executar as obras de mellora do espazo fluvial do río Louro, nas que a Consellería de Infraestruturas da Xunta investirá 330.431 euros para minimizar o risco de inundacións. Os traballos desenvolveranse entre a estrada autonómica PO-548 e a vía do ferrocarril e consistirán na ampliación da capacidade hidráulica do río, nunha zona na que a presión sobre a canle se ve aumentada polas edificacións e áreas de cultivo das inmediacións. Para resolver esta problemática, que provoca asolagamentos en épocas de chuvias, executarase un encanamento de aproximadamente 800 metros, comezando uns 50 metros augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 e ata a liña do tren. O punto aprobouse cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións de PSOE e BNG.
Na orde do día tiña coma outro dos asuntos a debater a conta xeral de 2022, que se pechou cun remanente de tesourería negativo de 216.537 euros. O concelleiro de Facenda, José Ángel Souto, e o alcalde, José María Bello Maneiro, explicaron que se debe a que durante o pasado exercicio se “dispararon” os custos da enerxía eléctrica e os combustible, o que conlevou “un incremento expoñencial do gasto” e, ademais, executáronse “máis obras das que estaban recollidas nos orzamentos e isto redundou nun beneficio para os veciños, que dispoñen de máis e mellores servizos”. Outra das razóns que esgrimiron foi o retraso no pago de subvencións e transferencias de diñeiro ao Concello por parte doutras administracións coma a Xunta, a Deputación e o Goberno Central. “Eles son os primeiros que deben cumprir cos concellos”, sinalou Bello Maneiro.
Por outra parte, o concelleiro de Facenda fixo fincapé en que o informe de Intervención sinala que non é necesario adoptar medidas correctivas e, de feito, engadiu a 31 de marzo de 2023 “a situación xa era totalmente diferente e contabamos cun remanente de tesourería positivo de máis de 50.000 euros”. Para concluír con este punto, o alcalde sinalou que o orzamento de 2022 pechouse con apenas 27.000 euros de diferencia con respecto ao aprobado (de 5.999.928 a 6.027.313’27 euros).
A conta aprobouse co voto a favor do grupo de goberno, abstención do BNG e en contra do PSOE.
Na sesión aprobouse, neste caso por unanimidade, unha moción presentada polo grupo do BNG para instar ao Sergas a que cubra a baixa do pediatra no Centro de Saúde a tempo completo. O alcalde explicou se xa se realizaron xestións e seguirán facéndose para acadar que se repoña o servizo e destacou que “o Centro Médico de Valga é un dos mellores da contorna, pero queremos seguir mellorando e por iso continuamos realizando as xestións oportunas”.
O que non saiu adiante foi unha moción de urxencia do grupo socialista na que solicitaba a implantación do Plan Madruga nos centros educativos valgueses. Bello Maneiro explicou que “esta proposta representa gastos económicos que teñen que ser valorados e estudados antes de tomar unha decisión”.
Por último, deuse conta ao Pleno dos informes de Intervención sobre o cumprimento dos prazos de pagamento e sobre a execución do orzamento relativos aos dous primeiros trimestres deste ano.