- O concerto, que se celebra por vez primeira dende a pandemia, está organizado pola Polifónica Santa Comba de Cordeiro
- A entrada é gratuíta para todo o público que queira acudir ao Auditorio Municipal
Valga, 26 de setembro de 2023.
Catro agrupacións vocais reuniranse o vindeiro 7 de outubro no Auditorio Municipal na décimo quinta edición do Festival de Outono de Corais, organizado pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro.
Ademais dos anfitrións, actuarán o Orfeón Unión Ourensana, da cidade das burgas, a Agrupación Musical do Rosal e a Coral Polifónica Municipal de Ribeira. As catro realizarán unha actuación individual e, como colofón interpretarán, de forma conxunta, varios temas. O concerto dará comezo ás 19:00 horas con entrada gratuíta para o público.
Esta actividade cultural retómase este ano por vez primeira dende 2019, nun parón obrigado pola pandemia. “Este retorno está cheo de ilusión e do esforzo de todos os membros que seguimos traballando cada día”, sinalan dende a xunta directiva da Coral Santa Comba, que está presidida por Valentina Ferro.
A Polifónica valguesa, que está integrada na Federación Galega de Corais, fundouse en 1994 coincidindo coa festividade da súa patroa, Santa Comba, e tendo dende os inicios como director a Manuel López Castro. Na actualidade está integrada por 37 membros (15 sopranos, 9 contraltos, 9 tenores e 4 baixos). Ao longo da súa traxectoria ten protagonizado incontables actuacións de música popular e sacra en toda a xeografía galega, en Asturias e Portual. Entre as funcións máis sobranceiras, as que tiveron lugar no Pazo de Fonseca, na Catedral de Santiago e, en marzo deste ano, no Santuario de Fátima.