- O alcalde felicitouna no seu fogar, acompañado polas concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro
- Entregoulle unha placa conmemorativa e tamén a agasallou con flores e doces
Valga, 21 de setembro de 2023.
Valga conta cunha nova centenaria, Manuela Duro Fernández, veciña de Casal de Eirigo, que hoxe cumpre un século de vida. Por este motivo, recibiu a visita do alcalde, José María Bello Maneiro, para fecilitala nunha data tan especial para ela e para toda a súa familia, da que forman parte catro fillos, trece netos e dezasete bisnetos.
O rexedor estivo acompañado polas concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro e entregou á homenaxeada unha placa conmemorativa coa inscripción “O Concello de Valga a Manuela Duro Fernández no día que cumpre os 100 anos”. Tamén a agasallaron cun ramo de flores e unha torta coas candeas co número 100, que a centenaria soprou para cumprir coa tradición.
Manuela Duro á natural de Cuntis, pero reside en Casal de Eirigo con Ramón Rey García, xa falecido. Foi modista e ía coser polas casas, e tamén dedicou moito do seu tempo ao coidado do fogar e a traballar a terra. De cando en cando aínda vai arrincar herbas á horta ou limpa patacas.
Unha das grandes afeccións que tivo foron a pintura e as manualidades. Foi a clases durante anos e conta no seu fogar cunha fermosa colección de cadros, tellas, bonecas, panos bordados e outras obras feitas por ella mesma que con orgullo lle amosou ao alcalde e ás concelleiras. “Hai quen non sabe nin coller unha agulla na man e non fai nada, pero a outras dánsenos ben estas cousas”, comenta a centenaria. As súas fillas confirman que “sempre foi moi mañosa. De pequenas facíanos ella as zapatillas usando teas e as solas de calzado que xa non servía”.
Fisicamente consérvase moi ben e sube por si mesma as escaleiras que unen as distintas plantas da súa vivenda. “Non quere nin un pau nin un bastón, come de todo e só toma unha pastilla polas mañás”, din os seus achegados, que se reunirán o domingo nunha gran comida familiar para celebrar o centenario.
Manuela Duro é a segunda veciña máis lonxeva de Valga, despois de María Tarrío, de Eiras, que onte cumpriu 101 anos.