Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Na visita tamén participaron a concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro, e a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez

- Agasallaron á centenaria cun ramo de flores e unha torta, na que apagou as candeas

MTarrio101 1

Valga, 20 de setembro de 2023.
María Tarrío Campaña, a veciña máis lonxeva de Valga, cumpriu hoxe 101 anos e, como xa é tradición cando un centenario valgués está de aniversario, o alcalde, José María Bello Maneiro, acudiu ao seu domicilio de Eiras (Cordeiro) a visitala e darlle os parabéns. Estivo acompañado pola concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro, e a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, que agasallaron á homenaxeada cun ramo de rosas e unha torta na que apagou as candeas co número 101.

María recibiunos rodeada de boa parte da súa numerosa familia, formada por sete fillos (un deles falecido), once netos e dez bisnetos. Conversou co alcalde e deulle as grazas por acompañala nesta data sinalada, brindou con champán e probou a torta, bombóns e outros doces cos que se celebrou o aniversario.

María Tarrío naceu en Moldes, sendo a mediana de sete irmáns. O coidado do fogar e as tarefas do campo foron o seu día a día durante boa parte da súa vida, na que tamén se dedicou á costura. Ademais sempre foi moi festeira, e adoitaba asistir a seráns, ruadas e outras celebracións veciñais nas que a música xogaba un papel central. De feito, María foi pandereteira e coñecedora de numerosas coplas e cantares que, de vez en cando, aínda entoa e que transmitiu ás xeracións máis mozas.

Outra das súas afeccións é a baralla e despois de comer ou nas fins de semana gústalle xogar unhas partidas á brisca.

MTarrio101 2 MTarrio101 3

Volver