- Pídese aos condutores que eviten este punto e empreguen rutas alternativas mentres se prolongue a interrupción
- O proxecto trata poñer fin aos asolagamentos ampliando a capacidade hidráulica do paso sobre o río
Valga, 20 de setembro de 2023.
As obras de mellora da drenaxe na estrada provincial EP-8504 (Forno-Cernadas) trasladáronse nas últimas semanas a Barcia, onde se están a executar traballos de demolición do paso sobre o río Louro para construír despois unha nova ponte que con maior capacidade e que dea solución á problemática que, ata o de agora, xeraban na zona as crecidas do río.
As actuacións, que executa a empresa Moncosa e financia a Deputación de Pontevedra, obrigaron a cortar o tráfico na zona dende primeira hora desta mañá. A interrupción do tránsito está sinalizada nas diferentes entradas ao núcleo de Barcia para que os condutores eviten este punto e poidan empregar rutas alternativas. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez achegáronse esta mañá ao lugar das obras.
Estas teñen como obxectivo mellorar a mobilidade e evitar asolagamentos en épocas de chuvia debido á escasa capacidade do actual paso sobre o río, que se está a derrubar. No seu lugar, construirase unha ponte que multiplicará por catro a capacidade hidráulica do anterior e evitará que as crecidas do Louro poidan afectar ao tránsito rodado e peonil nesta contorna.
O proxecto tamén inclúe a mellora da calzada, coa construción de beirarrúas e a instalación de varandas de seguridade.
Esta actuación é moi semellante á executada durante os últimos meses na mesma estrada pero á altura do núcleo de Reguengo (Setecoros).