Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo acudiron esta mañá á actividade, organizadas pola asociación de palilleiras A Bella Otero

- Case cincuenta agrupacións de toda Galicia acudiron á cita

XuntanzaPalilleiras1

Valga, 9 de setembro de 2023.
O pavillón de Baño é hoxe punto de encontro para palilleiras chegadas dende toda a xeografía galega. O VII Xuntanza de bolillos e labores, organizado pola asociación valguesa A Bella Otero, reúne durante toda a xornada a 450 persoas, das que unhas 400 son palilleiras, e o resto rexentan unha vintena de postos de venda de artigos para encaixe e outras labores artesanais.

Ribeira Sacra, Burela, Baixo Miño, Barbanza, Arteixo... son algúns dos lugares de procedencia das palilleiras, integrantes de case cincuenta asociacións. Bolillos, bordados, tapices, gancho ou calceta son algunhas das actividades artesanais representadas no encontro, ao que asistiron pola mañá os concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo que percorreron os distintos stands do pavillón acompañados pola presidenta da asociación A Bella Otero, Lourdes Conde.

O edil de Cultura deu a benvida a todos os participantes e desexoulles que pasen un gran día en Valga. Louvou o “gran traballo” realizado polo colectivo organizador para recuperar esta xuntanza, que non se celebraba dende antes da pandemia (ano 2019) e animou ás novas xeracións a interesarse polas labores artesanais para que non se perdan.

Durante toda a xornada sortearanse arredor de 150 agasallos doados por colaboradores e casas comerciais de Valga e Pontecesures e puido verse unha exposición de traballos realizados polas integrantes da asociación de palilleiras A Bella Otero.

XuntanzaPalilleiras2 XuntanzaPalilleiras3

XuntanzaPalilleiras4 XuntanzaPalilleiras5

Volver