- Actuarase nunha lonxitude de 430 metros nos que se renovará a capa de pavimento
- Tamén se ampliará a plataforma nalgúns puntos para unificar o ancho en todo o tramo
Valga, 15 de setembro de 2023.
O Concello acaba de adxudicar á empresa Construcións, Obras e Viais (Covsa) a execución das obras de mellora dun camiño en Barro, un tramo de 430 metros que une unha estrada local coa EP-8504 (O Forno-Cernadas). Nesta actuación investiranse 53.856’30 euros, a través do Plan Marco da Consellería do Medio Rural.
As actuacións que recolle o proxecto son a limpeza e barrido do terreo, o fresado do actual firme e a aplicación dunha nova capa de aglomerado en quente. Non cambiará o trazado, pero si se ensanchará a plataforma nalgúns puntos para conseguir un ancho uniforme en todo o percorrido.
Con esta actuación trátase de mellorar as condicións de vida dos residentes na zona dotándoos dunha estrada pola que poidan circular en condicións de seguridade. Darlle un pulo ás condicións de vida nas aldeas mediante actuacións de mellora e mantemento das infraestruturas viarias é, precisamente, o obxectivo que persegue o Plan Marco.