Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As actuais chapas metálicas substituiranse por paneis de aceiro galvanizado

- Xa está adxudicada, tamén, a instalación de novas ventás e portas no edificio

CasaCultura

Valga, 8 de setembro de 2023.

As actuacións que se van a executar proximamente na Casa da Cultura para mellorar o illamento e a eficiencia enerxética incluirán tamén a renovación da cuberta, unha obra que acaba de ser licitada e na que se investirán 71.151’32 euros a través dunha subvención da Vicepresidencia Primeira da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O edificio sofre dende hai tempo problemas de humidades e condensación provocados polas filtracións de auga a través da cuberta, que deixa pasar importantes cantidades de auga ata a planta baixa. Esta problemática chegou a inutilizar algúns dos espazos da Casa da Cultura.

Para poñer fin a esta situación, vaise proceder á substitución das actuais chapas metálicas do tellado por paneis de aceiro galvanizado, á colocación de canalóns e dun illamento axeitado.

Cos mesmos obxectivos de rematar coas filtracións e acadar unha maior eficiencia enerxética, vaise tamén a executar outra actuación consistente na renovación da carpintería exterior. Esta obra xa está adxudicada á empresa García Sistemas de Carpintería, que instalará un total de catro portas e catorce fiestras con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento que reducirán as filtracións de aire e as perdas de calor, permitindo acadar un maior confort en todas as estancias. Así mesmo, mellorarase a seguridade grazas aos sistemas de apertura e bloqueo reforzados dos novos elementos.

Tamén neste caso, a actuación, valorada en 50.849’61 euros, será cofinanciada entre o Concello e a Consellería de Presidencia, a través dunha liña de axudas para a mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vencelladas á prestación de servizos municipais.

Volver