- O CIM, emprazado no CODI en Baño, informa e asesora a mulleres en situación de vulnerabilidade
- Son prioritarios os casos de violencia de xénero
Valga, 17 de abril de 2018.
O Concello de Valga ven de adxudicar os contratos de prestación dos servizos de atención psicolóxica e xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) cunha duración dun ano, prorrogables ata dous.
O servizo do CIM, compartido co Concello de Moraña, presta atención directa e presencial a mulleres en situación de vulnerabilidade, sendo prioritarios os casos de violencia de xénero. Atópase nas dependencias do CODI, en Baño.
A avogada ofrece información e asesoramento xurídico en ámbitos como o dereito de familia (divorcios, custodias e outras circunstancias), dereito civil e laboral e sobre xustiza gratuíta, procurando dar resposta a todas as demandas das usuarias. Presta atención en Valga os venres, se ben a flexibilidade do servizo é total, adaptándose ás necesidades das mulleres que acoden en busca de información ou asesoramento.
No tocante á psicóloga, traballa con mulleres que precisen a súa intervención a consecuencia de sufrir malos tratos físicos, psicolóxicos ou de calquera tipoloxía. Atende en Valga os martes e os venres, tanto de xeito presencial como telefónico, se fora preciso.
O servizo non só se dirixe a mulleres de Valga, senón que tamén atende a veciñas doutros municipios limítrofes afectadas polas problemáticas xa sinaladas e sempre que precisen de intervención psicolóxica ou xurídica.
Ademais deste traballo directo coas usuarias, o Centro de Información á Muller organiza actividades formativas e de sensibilización e prevención da violencia de xénero e elabora de plans de intervención en coordinación con outros servizos externos.