- O certame arrancou onte coa precata, na que se fixo unha primeira selección de augardentes
- Esta tarde terá lugar a cata final e a presentación da botella conmemorativa desta edición da Mostra
Valga, 25 de agosto de 2023.
A XXXIII Mostra da Caña do País, que se celebra conxuntamente coa Festa da Anguía, deu inicio onte a unha das actividades máis representativas, o Concurso Tradicional da Caña do País ao que concorreron un total de trinta e dúas augardentes nas tres modalidades habituais: once brancas, once de herbas e dez tostadas.
Os catadores Manuel Blanco Picón, Mª Luisa Vázquez Tubío, Ricardo Abuín Mariño, Mª Dolores Catoira Piñeiro e Juan Carlos García Busto foron os encargados de realizar, na cata inicial de onte, unha primeira selección das cañas de cara á gran final desta tarde, para a que se clasificaron cinco licores de cada modalidade
De entre eles sairán os gañadores do concurso en base a unha serie de criterios que os catadores teñen en conta á hora de valorar as augardentes. Os principais son o sabor, a boa textura e a cor, importante nas cañas de herbas e tostadas pero tamén nas brancas, que non deben presentar turbidez. É igualmente relevante a graduación, que non só se percibe ao probar o licor senón tamén a través do que os catadores denominan “as adoas”, as burbullas que aparecen ao axitar a caña.
Os produtores das mellores augardentes daranse a coñecer mañá sábado durante os actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País e repartiranse 1.100 euros premios: 500 euros para a mellor caña branca, e 300 para os licores de herbas e tostado mellor valorados. Os segundos clasificados nas tres modalidades recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo.