- Bar Pardal e Casa Comparada obtiveron os mandís de Prata e Bronce
- Entre os participantes na elección dos mellores petiscos sorteáronse dez vales de compra
Valga, 28 de agosto de 2022.
A décima edición da Ruta-Concurso “Tapa a anguía” xa ten gañador: o Café-Bar O Pontellón, que se fixo coa vitoria por partida dobre. O petisco elaborado por este establecemento da Avenida da Coruña gañou tanto a votación popular coma o premio do xurado, que coincidiron en sinalar a súa tosta de anguía sobre rulo de cabra con salsa de pemento morrón e pistachos coma a máis deliciosa das nove propostas gastronómicas que participaron no certame. Esta tapa poderá degustarse de novo na XXXIV edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, no vindeiro ano 2024.
Ademais, por votación popular, entregáronse outros dous premios: os mandís de Prata e Bronce. O segundo clasificado foi o “Pesto de anguía” do Bar Pardal (anguía con fondo de cebola e tomate natural, acompañada de pasta negra e bañada con queixo de Arzúa e un pesto de pementos de Padrón) e o terceiro posto recaeu en Casa Comparada cuns roliños recheos de masa roux e anguía asada cun corazón de xelificante de tomate.
Ademais dos tres gañadores, tamén participaron nesta actividade gastronómica Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Palmera Beach Valga, Café-Bar Couceiro e Cafetería Auditorio.
A ruta de tapas contou cunha altísima participación por parte de veciños e visitantes que acudiron aos establecementos de hostalería para degustar os diferentes petiscos. Proba da gran acollida foi o número de votacións emitidas para elixir ás mellores tapas, que superaron as 300.
Entre todas elas sorteáronse dez vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local, e os gañadores foron:
- Eva Castro García
- José Oliveira Cordo
- Juan Carlos Castaño Tubío
- José Francisco López Corral
- Lucía Santiago Sanmiguel
- Loli González Eiras
- José Rey Barreiro
-José Manuel Velay Fernández
- Carmen Ríos Senín
- Iván Casal Gómez
O sorteo efectouse durante a precata do Concurso da Caña do País e os catadores exerceron de mans inocentes.